xoves, 18 de decembro de 2014



Traxectoria poética de Xohana Torres

 

Os tres poemarios da autora son moi diferentes porque están escritos durante un longo prazo de tempo. Portanto, asistimos a un proceso de maduración persoal. Toda a súa obra caracterízase pola identificación coa lingua galega e coa identidade galega, así como a súa condición de muller.

En Do Sulco (1957) hai poemas moi variados. Todos eles teñen trazos de existencialismo, que dominaba na literatura da época debido ao contexto social e político opresor da ditadura franquista. É este un poemario de adolescencia, en que a autora tenta buscarse a si mesma, a súa identidade.

Podemos encontrar tamén a importancia de Galiza na súa obra con poemas dedicados a diferentes espazos da xeografía galega como "Pontedeume", "Fisterre" ou "Compostela". Outros temas frecuentes son a amizade, a soidade e o paso do tempo. 

Estacións ao mar (1980) foi publicado tras vinte e tres anos, logo a poesía adolescente muda cara a unha poesía de madurez. Isto provoca que os poemas teñan maior reflexión. Un dos temas máis repetidos é a perda da inocencia, reflectindo ese paso da mocidade á madurez. O mundo real, que encontra a voz poética ao madurar, é un mundo corrupto que nada ten a ver co mundo ideal da adolescencia.

Este poemario está dividido en catro libros: O Tempo e a Terra, O Tempo e a Memoria, Elexías a Lola e Estacións ao mar. O primeiro é unha declaración de fidelidade á patria galega. O segundo está dirixido a relembrar vivencias pasadas, portanto os poemas teñen un alto grao de nostalxia e evocación. O terceiro libro está dedicado á súa avoa Lola, que representa a sabedoría popular e o amor ao galego, así como a muller independente e valente. Na última parte, voltamos ás lembranzas da mocidade. Aparece frecuentemente o espazo de Lorref, que se identifica con Ferrol, onde a poeta viviu a súa adolescencia.

Finalmente, Tempo de ría (1992) pódese considerar o seu mellor poemario, tanto pola elaboración dos poemas, como pola profundidade dos temas tratados. A linguaxe é simple, sen demasiados adornos, e os poemas breves. Os temas máis ocorrentes son a soidade, a perda, o paso do tempo, o carpe diem... Porén, a característica máis salientable deste libro é a importancia do suxeito feminino en todo o poemario, como analizamos na entrada deste blog Tempo de ría. Um poemario de procura da identidade.

En conclusión, a traxectoria poética de Xohana Torres comeza nunha poesía de adolescencia, marcada pola inocencia, mais tamén pola angustia e opresión da época franquista. A súa obra remata cunha poesía de madurez, en que se desprende da inocencia e evoca tempos pasados. Nesta poesía, ten unha gran importancia a proclamación da existencia e liberdade das mulleres, activas e independentes.




Ningún comentario:

Publicar un comentario